Thursday 16 de May de 2024

Café Quijano encabeza as festas do barrio de Novo Mesoiro, que terán lugar do 25 ao 27 de agosto


O Concello propón unha programación que contará con actividades para todos os públicos e diferentes actuacións musicais

O trío leonés Café Quijano lidera os festexos do barrio de Novo Mesoiro, que terán lugar a última fin de semana de agosto, do venres 25 ao domingo 27. O Goberno de Inés Rey continúa apostando polas Festas nos Barrios como un dos eixes dunhas Festas de María Pita que xa superan o seu ecuador.

A programación para as festas de Novo Mesoiro, impulsada polo Concello, contará con tres xornadas cun amplo número de actividades para todas as idades. A gran maioría dos actos terán lugar na zona do parque infantil, espazo que vén acollendo as festas do barrio nos últimos anos. En caso de choiva, as actividades para todos os públicos serán no centro cívico.

O venres, día 25, está programado a partir das 20.00 horas o espectáculo ‘Esto es Rock’, para todos os públicos, no que se fará un repaso de grandes historias e lendas do rock and roll. Ás 22.00 horas terá lugar a actuación da banda coruñesa Doctor Snob.

O sábado 26 haberá actuación dentro do programa itinerante para todos os públicos Cascarillarte, a cargo de Máximo Óptimo, a partir das 12.30 horas. A sesión vermú comezará ás 14.00 horas co Dúo Karamba, mentres que ás 22.00 horas haberá actuación da orquestra Triunfo. O domingo 27 a xornada comezará coa actuación, ás 14.00 horas, da banda Virtual Project. Pola tarde haberá unha nova sesión de Cascarillarte, ás 19.30 horas, a cargo de Bandullo Azul, que representará “Fazula” e “O Ladrón de Paraugas”.

A actuación de Café Quijano, todo un referente do pop e do rock en español, será o domingo ás 22.00 horas na explanada do centro cívico. O trío formado por Manolo, Óscar e Raúl repasarán os seus 25 anos de carreira, na que conseguiron grandes fitos como ser o primeiro grupo español nominado a un Grammy americano, pola canción ‘La Lola’.

Festas da Sagrada Familia
Por outra banda, esta fin de semana, sábado 19 e domingo 20 de agosto, celébranse as festas do barrio da Sagrada Familia. O campo da festa quedará instalado na pista polideportiva municipal do barrio.

Este sábado haberá, a partir das 10.30 horas, inchables para os/as máis pequenos/as. Ás 12.30 horas será a festa da escuma e a partir das 13.30 horas comezará a sesión vermú coa Orquestra Alianza. Ás 19.00 horas haberá un espectáculo de maxia para todas as idades e ás 22.00 horas comezará a verbena, a cargo tamén da Orquestra Alianza.

O domingo haberá dúas actuacións, ás 13.00 e 14.00 horas, de Gaiteiriños e Cántigas da Terra, respectivamente. As Festas de María Pita continúan enchendo os barrios de diversión e festexos para afondar nas raíces de cada un deles. O Goberno de Inés Rey reactivou estes últimos anos estas celebracións e deulles un maior peso dentro da programación cultural da Coruña.